Recollida de Sinaturas. Por un Convenio digno e mellora da calidade educativa na Educación Infantil (etapa 0-3) (2)

22 Febrero

22 Febrero 2024 por FEUSO | Educación Infantil

As persoas traballadoras do sector queremos informar á sociedade, en xeral, e ás familias, en particular, das precarias condicións laborais das persoas que traballamos pola educación dos seus fillos e fillas, ao tempo que trasladamos ás titularidades das Administracións, dos centros e ás patronais do sector o noso malestar por perpetuar o bloqueo da negociación do actual convenio colectivo, non aceptando incrementos salariais segundo o custe da vida, rexeitando melloras laborais e sociais e si intentando eliminar dereitos xa conquistados en anteriores convenios. Tamén denunciamos especialmente a imposición duns servizos mínimos abusivos por parte das Administracións vulnerando os nosos dereitos fundamentais.

As persoas que traballamos en Educación Infantil de 0 a 3 anos, con esta recollida de sinaturas, reivindicamos a relevancia e o recoñecemento da nosa profesión, tanto da docente coma da non docente. Non somos garderías: somos escolas. O valor do noso cometido na educación das nenas e nenos non está en térmolos limpos, mantidos, entretidos ou vixiados. O noso labor vai moito máis alá. A principal finalidade da nosa actividade é potenciar as súas capacidades, e progreso psicomotriz, afectivo, intelectual e social. Por iso reivindicamos a dimensión educativa da nosa profesión, a inclusión desta etapa no ámbito educativo e a redución das rateos abusivas actuais, no camiño de mellorar a calidade deste servizo público á sociedade en xeral. Nós non gardamos, nós educamos!

O noso salario non chega ao SMI na gran maioría das categorías e, segundo a Carta Social Europea, somos traballadoras pobres. Reivindicamos condicións salariais acordes co noso traballo, formación e responsabilidade. Ademais, subxace unha discriminación ao colectivo polo mero feito de ser maioritariamente feminino.

Esiximos reducións de xornada en xeral para todas as persoas traballadoras do sector e, tamén, especificamente para as educadoras, xornadas onde se contemple tempo para organizar e preparar as actividades, materiais, avaliar os procesos,... pois todo iso faise fóra da xornada laboral. É traballo extra e non remunerado, e a expensas da conciliación laboral e familiar á que tamén teñen dereito.

Por todo isto, reivindicamos comprensión e, ao mesmo tempo, implicación e colaboración nas accións que poidamos levar a cabo á toda a comunidade educativa (fomos quen de amosar a nosa capacidade de mobilización e podemos volver e con máis forza), entre elas, esta campaña de sinaturas para mostrar o masivo apoio á nosa causa:

Aspiramos a un convenio xusto, con salarios e condicións laborais que dignifiquen o noso traballo e que nos permitan VIVIR, non sobrevivir!, así como mellorar a calidade educativa.

Back to top