Galicia

Nota de prensa conjunta de todos los sindicatos sobre el conflicto de F.P.

26 Noviembre

26 Noviembre 2007 por FEUSO | Galicia

A Plataforma Sindical conxunta formada polas organizacións FSIE, UGT, CCOO e USO, que globalmente teñen unha representatividade do 98,35% no sector do ensino privado concertado, quere denunciar ante a opinión pública a actuación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que suprime, dezaseis (16) unidades de ciclos formativos da F.P.

Preocupados por este proceder o día 26 de outubro de 2007, esiximos da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, un pronunciamento sobre esta cuestión. A resposta foi que este tema non era da súa incumbencia e nada tiña qué dicir.

Sorprendentemente o día 7 de novembro de 2007, recibimos unha convocatoria para o día 16, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para abordar este tema na Comisión Tripartita da Ensinanza Concertada co Sr. Director Xeral de FP.

Despois da intervención da Dirección Xeral de FP, que se limitou á comunicación de feitos consumados xa que as resolucións denegatorias xa foran enviadas aos centros, a Plataforma Sindical conxunta fixo as seguintes observacións:

1. Dado que a vía administrativa non está esgotada, pedimos que se estimen de xeito favorable os recursos de reposición formulados polos centros afectados.

2. Consecuentemente co anterior, a tódolos centros que acrediten ter no período extraordinario de adxudicación e matriculación (é dicir, antes do 31 do 10 de 2007), o número mínimo de alumnos que se esixen para o funcionamento dos ciclos se lles manteña o concerto.

3. Entendemos que a resolución denegatoria nestes intres é extemporánea e supón a perda ou precarización de postos de traballo.

Por isto e tendo como principal obxectivo o mantemento de emprego, pedimos:

a) Deixar sen efecto as resolucións de peche de unidades e que na Comisión Tripartita da Ensinanza Concertada se aborde a reestructuración de mapas e ratios da FP.
b)  En todo caso, arbitrar medidas para que o peche por resolución administrativa garanta os actuais postos de traballo.

Co ánimo de buscar solución negociada a este tema, as organizacións sindicais solicitaron da Dirección Xeral de FP unha xuntanza que se levou a cabo o día de hoxe 19 de novembro de 2007, onde se lle fixo a invitación de reconsiderar a decisión ata agora tomada.

 

Back to top